Friday 26 de April de 2024

A mostra Encontros achega á casa da cultura da Pobra as acuarelas de Corral e ‘Marod’


Un total de 45 cadros de temática diversa conforman a mostra Encontros, que acubilla a casa da cultura Raquel Fernández Soler e na cal predomina a acuarela, se ben hai presenza dalgún óleo. É un encontro entre Asun Rodríguez ‘Marod’ e Cris Corral que se dá nun dobre sentido: ambas levan veraneando na Pobra moitos anos e coñecéronse na localidade, a través do Instagram, e lanzáronse finalmente a compartir esta mostra coa acuarela como protagonista. Unha técnica que engaiolou ámbalas artistas durante o confinamento, aproveitando as clases en liña (online) que ofrecían profesionais. Corral iníciase así no mundo da arte, mentres que ‘Marod’ explora un novo método que diversifica a súa consolidada traxectoria especializada no óleo e no debuxo que comezou máis de dúas décadas atrás.

No acto inaugural deste 1 de setembro, que estivo amenizado por Arrancadeira, participou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), quen fixo fincapé no compromiso da Administración local de apoia-lo talento, o cal se reflicte nas múltiples exposicións que se levan realizando ao longo de todo 2022 na referida instalación municipal, dada tamén a boa acollida da xente e a confianza depositada por numerosas persoas vencelladas ao ámbito cultural.

É unha ocasión especial nun sentido dobre, segundo manifestou a edil, pois trátase dunha exhibición artística que establece sinerxías entre dúas mulleres ao tempo que serve de debut para unha delas e como innovación na creación pictórica da outra.

Lojo tamén se referiu ao simbolismo destes cadros nos cales se mestura auga e pigmento igual ca a creatividade de Corral e ‘Marod’.

O público pódese achegar ata finais do mes de setembro, de luns a venres, en horario de 11.00 a 13.30 e de 19.00 a 21.00 horas.